Dúas novas do Courel PEDRO RIELO A mesma xente que formou parte do equipo de Atapuerca este verán remexerá entre laxes milenarias, entre furnas xabreiras e todos os lugares nos que habitou o chamado homo antecessor, nada menos que hai 500.000 anos. Na procura do primeiro galego, de quen deixou a súa pegada no Paleolítico, todo un reto fermoso e que nos leva a ter algo presente. Os nosos antergos facían boas escollas dos lugares nos que vivir porque non estaría nada mal pasar os días nos Ancares ou nese Courel pescando troitas no Lor, camiñando entre carqueixas, abruñeiros ou con esas aguias que tanto impresionarían o bravo Ánxel Fole.
A outra noticia que refolga estes días sobre O Courel refírese á autorización da louseira da Campa, hai unhas semanas, sen importar que fose acometendo toda unha restra de ilegalidades ao longo de dúas décadas chuchando na terra e fendendo contra a Rede Natura. O mapa ecolóxico ameazado unha vez máis, esquecido, aldraxado en calquera lugar no que aínda se permite unha fuxida, un reencontro co abrollo da vida. A Administración ten a palabra, a decisión sobre o futuro, non lexislar sobre o estragado, senón que ten que velar porque non continúe a desfeita. Dificilmente se entende como ás agachadas, nos últimos quince anos se permitiu a posta en marcha de preto de tinta canteiras, algunhas pendentes de ser explotadas e que nada teñen que ver coa necesidade de crear postos de traballo. Debería existir un consenso político baseado no sentido común, que comprometera os nosos representantes a defender o gran patrimonio verde e non a actuar con ese laissez faire, laissez passer sobre o compartido. Non só se esquilma o mar, os ríos, tamén o interior e non tardará en estenderse á Ribeira Sacra, ás terras da Ulloa con fins chamados turísticos ou ás serras desta natureza do abrente.
Hai que salvar o Courel, Corrubedo e todas as marabillas que conforman a nosa xeografía, porque son patrimonio colectivo e individual, posto que é hora de reivindicar que un pode pasear pola praia do Vilar vendo dunas e salgueiros de fondo mentres se pasa por entre as lagoas de sal que van formando as mareas. Alguén pon a diana nalgúns recantos da nosa xeografía adoecida e pregúntanse con voracidade onde se pode sacar tallada e meterlle o dente.
Van quedando poucos espazos liberados da pegada depredadora, dunha máquina de formigón, dunha formigoneira que busca acadar un rápido proveito sen que se faga nada. Non reparan na súa importancia en lugares que xa só os seus nomes, A Rugueira, fervenza do Rixio, Pía Paxaro, Alto da Escrita... evocan todo o seu valor. A natureza que sobrevive malia todo, a montaña desde a que o poeta barbudo pretendía chegar a Compostela por un país liberado e desde a que os primeiros galegos se asentaron con moito máis respecto que os espoliadores da nosa raizame.
Respuestas (0)
» Dúas novas do Courel // Pedro Rielo. « - Galiza -hoxe - 13/07/2007 23:59